Maria do Cebreiro Rábade Villar random header image

Ver mellor e sentir máis

cicatriz-branca

Eva Veiga pertence a unha tradición forte culturalmente na poesía occidental pero que, por razóns que tentarei esclarecer aquí, deu froitos ben escasos na poesía galega. E iso engádelle ainda mais valor á súa procura: necesitamos que Veiga sexa leal ao seu apelido e abra un suco na poesía galega por onde, con algo de fortuna,  outros e outras seguirán transitando.

Como nomear o suco? Poderiamos dicir que o que Veiga fixo en Soño e vértice afunde as súas raíces na longa tradición da poesía meditativa, que adoito vinculamos aos metafísicos ingleses (é o caso de John Donne, tan querido por José Ángel Valente) mais que deixou tamén pegadas substanciais no xénero hispánico dos soños, desde o homónimo libro de Quevedo a aquel marabilloso Primer Sueño onde Sor Juana  —a mexicana que foi monxa porque para unha muller ese parecía o único xeito de ler e escribir en liberdade—, se interrogaba sobre o significado da forma das pirámides. Soño e vertixe.

Ao longo do século XX a poesía conceptual irrompeu na modalidade retórica da vanitas (tan antiga como o Eclesiastés) para nos lembrar que unha meditación non ten por que ser unha penitencia. A diferenza dos preceptos dos moralistas, a poesía meditativa sostén que aquilo que vemos é aquilo que nos mira e que aquilo que escoitamos é aquilo que nos escoita.  Unha das maiores aprendizaxes do poema é a reversibilidade, e nese novo “reparto do sensible” (diría Rancière) Eva Veiga sabe que non lles hai que ter medo ás sensacións.

Se a proposta de Eva Veiga, tal e como apuntabamos ao comezo, é singular é porque se arreda da orientación dominante na tradición especulativa da poesía galega. Rosalía de Castro funda para nós a posibilidade dunha poesía metafísica que non renuncia a dúas marcas características: a transparencia na dicción e a emotividade. No entanto, ao longo do século XX os poetas que fixeron do poema unha procura intelectual polo xeral renunciaron a eses dous ideais que son, en cambio, valores substanciais de Soño e vértice. Porque a “emoción evocada no acougo”, na célebre definición de Wordsworth, é unha das chaves deste libro.

Non terlles medo aos afectos equivale, a miúdo, a facer sentir. O sensible é a porta fundamental de acceso ao poema, e en virtude diso Soño e vértice instaura unha particular lóxica da sensación que impugna a idea de que a literatura é un xénero ficcional e instaura a conexión indisoluble entre a poesía e a verdade. A “poesía non é literatura”, dicía Gamoneda, porque nos ensina a desconfiar das aparencias. Desde a marabillosa cita de Blanchot que abre o libro, Eva Veiga sostén que o real non se xoga na realidade, senón nos soños. Noutras palabras: os poemas que son dignos dese nome non nos cegan porque nos tapen os ollos senón porque son tan verdadeiros que nos deslumbran.

De Eva Veiga (actriz, poeta, xornalista, música) podería dicirse que fai ben moitas cousas ou tamén, e máis precisamente, que fai moi ben dúas cousas esenciais: ver e escoitar. A poesía non é un xénero literario senón un xeito de estar no mundo. Non porque, como repetían os situacionistas, os poemas vulneren a relación entre a arte e a vida, pois cada vez que a nosa intelixencia di cruzar unha fronteira entre dous termos en realidade non fai máis que confirmala. A razón pola que a poesía é un modo de ser é, ao mesmo tempo, máis sinxela e máis complexa do que a tradición sostén, e poderia defenderse do seguinte xeito: da man deste libro de Eva Veiga, volvemos aprender que os bos poemas nos aprenden a sentir máis e a ver mellor. Ver mellor e sentir máis: niso e non noutra cousa consiste a poesía.

* * * * *

Sobre o libro Soño e vértice de Eva Veiga, lido no acto de entrega do Premio da Crítica Española ao mellor poemario en lingua galega (Santiago de Compostela, 24 de maio de 2017) e ilustrado cunha imaxe do filme de Margarita Ledo A cicatriz branca.