Un texto deseñado por Xosé Carlos Hidalgo Lomba, que non chegou a distribuírse no intre de ser editado. Sen valor comercial, e até o de agora distribuído só nunha tiraxe mínima, foi concibido como un caderno negro da crise, un diario xurdido ao fío dos traballos e dos días. O grupo reflexiona sobre o mundo laboral no capitalismo serodio e sobre o xeito no que os intereses individuais se infiltran mesmo nas formas de resistencia á dominación, impedindo calquera sentido puro ou literal do termo solidariedade.
Paseando con Margarita por Barcelona, tiven unha visión. Imaxinei que eramos asalariadas do século XIX. Dúas mulleres sen propiedade e sen clase, coa amabilidade e a furia vivas no corazón.