Maria do Cebreiro Rábade Villar random header image
Divulgación
  • El País

    19 de novembro de 2010
  • Sección “Centro e periferia”, Suplemento Luces
  • http://elpais.com/diario/2010/11/19/galicia/1290165511_850215.html
  • , , ,
  • «Trescentas linguas»

    babel

    Dende hai uns anos, en Galicia a cuestión lingüística equivale á cuestión nacional. Non é un grande avance, sobre todo se temos en conta os termos nos que adoitan librarse os debates sobre a lingua. Allea aos argumentos de Dante ou Herder, a controversia adéntrase a a miúdo no relato bíblico da confusión das linguas. Viviriamos mellor cunha única lingua, fose esta natural coma o galego ou artificial como o esperanto? A cuestión, formulada por Terese Moure no ensaio Outro idioma é posible (2005), non semella de resposta doada. A proba é que hoxe o idioma global non é o esperanto, senón o inglés. Prefeririamos os defensores do galego que o idioma global fose o galego? Prefeririamos impoñer universalmente a nosa lingua limitando a existencia das outras? Dado que tal ameaza non semella inminente, optamos por non responder a esta cuestión. Mais a lóxica que corre por debaixo da pregunta é a que subxace ás políticas de normalización existentes e posibles. Queremos vivir nunha soa lingua, nunha lingua entre dúas ou nunha para todas?

    Obedientes coma soldados, os militantes de Galicia Bilingüe tentaron facernos crer que eramos os reis dunha soa lingua. De acordo coa súa lóxica, o bilingüismo viría restaurar unha harmoniosa orde supostamente ameazada nas escolas. Con razón Bernard Cassen dicía que nas guerras a primeira en morrer é a verdade. Como todas as sociedades do mundo, Galicia non é nin monolingüe nin bilingüe, senón multilingüe. Lembrábao hai pouco na Facultade de Filoloxía de Santiago a profesora catalá Carme Junyent, que contabilizaba a existencia de 300 linguas só na área metropolitana de Barcelona. Junyent fíxonos reparar nalgunhas cousas moi importantes e tal vez non suficientemente repetidas: non hai lingua, senón linguas; a diversidade lingüística é unha das proxeccións máis sofisticadas da creatividade humana; as linguas son instrumentos de comunicación pero tamén mecanismos de expresión; a maior diversidade lingüística maior resistencia aos procesos de substitución e, por último mais non en último lugar, ningunha política lingüística pode nin defender nin afogar o que unha comunidade non desexa defender ou afogar. Por formulalo no aquí e no agora que coñecemos: o futuro do galego está nas nosas mans. Pero tamén o futuro das linguas que viven entre nós. De feito, moitos dos que escoitamos a Junyent quedamos coa curiosidade de saber cántas linguas viven hoxe realmente en Galicia.

    Varios indicios proban que estamos comezando a pensar nestas cuestións dun xeito cada vez máis profundo. Nunha reseña ao ensaio As razóns do galego (2009), de Henrique Monteagudo, Mónica Góñez saudaba a súa capacidade de abrir o debate lingüístico para alén dos lugares comúns. Tamén na Universidade de Santiago de Compostela, ao longo dos últimos seis meses, distintos cursos e conferencias convidaban a transcender o paradigma do monolingüismo, concibindo as linguas máis coma procesos que coma obxectos. Correlativamente, os falantes non seriamos vítimas do retroceso de dereitos, senón suxeitos de competencias que nos sitúan en contextos lingüísticos complexos aos que deberiamos responder dun xeito cada vez máis activo.

    Malia o progresivo recoñecemento dos valores non utilitarios do multilingüísmo, en moitos sentidos seguimos presos dunha ideoloxía da pureza das linguas. No pasado recente pedímoslle ao galego a fixación, limpeza e esplendor que recoñecemos nos idiomas veciños, sen reparar de todo na violencia social que subxace aos procesos de estandarización. A mesma ideoloxía está detrás do concepto de normativización, por fortuna case en desuso. Contra as normas militou Manuel Antonio, que no manifesto Máis alá (1922) dubidaba da posibilidade de que unha ortografía unificada puidese satisfacer as demandas libertarias do poema. E ningunha das numerosas vacilacións ortográficas de Rosalía de Castro -a única poeta do Rexurdimento á que o rianxeiro salvou da queima- minimizan o seu vigor no uso da lingua. Como non podía ser doutro xeito, ao longo do século XX a ideoloxía da pureza lingüística transmitiuse mesmo á cuestión da diversidade das normas do galego escrito. Mais tamén aquí hai razóns que permiten combater o desánimo. Selos como Estaleiro Editora decidiron hai tempo cruzar a fronteira da ortodoxia e transgredir o último tabú da pureza ortográfica, editando os seus libros baixo o rubro da liberdade normativa.

    A defensa da diversidade das linguas, e mesmo das normas dentro de cada lingua, non é unha cuestión de cosmopolitismo nin de laxitude. Transcende calquera estética posmoderna da celebración do heteroxéneo para se adentrar nunha ética da multitude. “Un divídese en dous”, dicía o filósofo. Se cadra dicir dous é dicir pouco. Igual que o corazón, catro veces dividido, toda cousa que bate dentro nosa está a avisarnos de que é diferente de si mesma. Aínda que as políticas de normalización nos afixeran a velo doutro xeito, limitar na escola a expresión lingüística dos nenos xitanos ou a dos inmigrantes non é menos grave que limitar a expresión do galego. Dito noutras palabras, a diferenza entre o uso escolar das linguas non é unha cuestión de xustiza, senón de forza. Ou somos nós tamén daqueles que pensan que as culturas minorizadas -mesmo aquelas máis minorizadas cá nosa- están condenadas, por decreto ou sen el, á desaparición?

    A imaxe dunha Galicia multilingüe, cruzada por centos de isoglosas en centos de direccións, debería aparecer ante nós como imaxe da potencia cultural de Galicia. A sensibilidade dun pobo cara ás diferenzas dos outros dá a medida da súa madurez na defensa das propias. Ao cabo, Galicia non é o único pobo que hai no mundo e o pobo galego non é o único que hai en Galicia. Nosoutros, falantes dunha lingua sen exército, gañariamos forza defendendo tamén a aqueles que, coma nós, viven entre bandeiras que non entenden e son acosados por exércitos aos que non pertencen. As súas causas son tamén a nosa. As súas linguas son tamén a nosa.