Maria do Cebreiro Rábade Villar random header image

«Historia dunha dedicatoria»

cantares_gallegos

“Por ser mujer y autora de unas novelas hacia las cuales siento la más profunda simpatía, dedico a usted este pequeño libro. Sirva él para demostrar a la autora de La Gaviota y de Clemencia el grande aprecio que le profeso, entre otras cosas, por haberse apartado algún tanto, en las cortas páginas en que se ocupó de Galicia, de las vulgares preocupaciones con que se pretende manchar mi país”.

O misterio desta dedicatoria reside, en primeiro termo, en razóns ideolóxicas. A posición das dúas escritoras no campo literario de mediados do século XIX non podía ser máis antagónica. O nacionalismo español de Fernán Caballero, o seu catolicismo e, en xeral, as súas ideas conservadoras en materia ética e política contrastaban abertamente co rexionalismo da escritora galega, coa súa heterodoxia relixiosa e coa súa simpatía polas ideas sociais máis avanzadas da época.

Pero o misterio da dedicatoria aséntase tamén no manifesto desprezo co que Rosalía de Castro se dirixe á escritora andaluza na segunda mención da que dispoñemos dentro da súa obra. Esta mención pertence ao seu epistolario con Manuel Murguía mais, por atoparse a carta en estado fragmentario e carecer de data, non podemos precisar o seu contexto. O que é innegable é que Rosalía de Castro fai gala do seu carácter arroutado ao chamarlle “plebeya” e da súa crueldade ao se mofar da súa “respetable edad”. A cuestión gaña en interese se reparamos en que nunha carta dirixida a Rosalía (e parcialmente transcrita por Carballo Calero), anos despois da publicación de Cantares gallegos, Fernán Caballero saudara con admiración a novela El caballero de las botas azules (1867), dicindo que o libro era ” “n misterio lleno de vida y de interés, una cosa nueva en su género… una obra escrita con tanto saber, talento y gracia”.

Que foi o que moveu a Rosalía de Castro a dedicarlle o seu primeiro libro en lingua galega a Fernán Caballero? Baseándonos no que ela mesma di, podemos presumir que a razón é “ser mujer y autora”. Nun contexto no que se está a xeralizar a figura da muller lectora e escritora, esta forma de afinidade intelectual entre mulleres podía facer pasar a un segundo plano outras diverxencias. Se o analizamos en termos de loita por unha posición hexemónica no campo literario, cumpriría ter en conta ademais o peso relativo da escritora andaluza no espazo cultural español. Trataríase, daquela, dunha operación semellante á emprendida anos despois co encargo do limiar de Follas novas ao político Castelar.

Mais non cómpre esquecer que, ademais do respecto pola posición de Fernán Caballero, e do recoñecemento do seu papel de muller escritora, Rosalía de Castro subliña outro elemento máis na súa dedicatoria. Sen dúbida o máis relevante, tendo en conta o sentido político do libro. Refírome ao tratamento relativamente favorable que Fernán Caballero lle deu a Galicia na súa obra.

A María Xesús Lama, coidadosa editora dos Cantares, débolle un dos máis valiosos indicios sobre esta cuestión. Ao revisar as novelas Clemencia e La Gaviota –as obras de Fernán Caballero citadas por Rosalía de Castro— a profesora Lama púxome sobre aviso de que, curiosamente, ningunha delas parecía cadrar co xuízo final da dedicatoria rosaliana. Pero a frase da dedicatoria “las cortas páginas en que se ocupó de Galicia” parecía demasiado explícita como para non aludir directamente a algún libro.

En efecto, a frase ten un referente explícito, e de tal interese que, ao noso xuízo, merecería un estudo moito máis detallado do que estamos en disposición de acometer agora. Rosalía estábase a referir, con case total probabilidade, ao capítulo Un tío en América do libro Cosa cumplida solo en la otra vida, novela publicada por Fernán Caballero un ano antes de Cantares gallegos. O capítulo describe con demora unha viaxe por Galicia, desde o porto de Vigo até Santiago, con mencións detalladas doutras aldeas, vilas e cidades como Pontevedra ou A Coruña.

Ao ler as páxinas de Fernán Caballero sobre Galicia compréndese moi ben a reticencia de Rosalía de Castro, que non afirma que a autora fixese apoloxía da terra galega, senón que se apartase “algún tanto de las vulgares preocupaciones con que se pretende manchar mi país”. En efecto, aínda que a autora andaluza fala con moita estima da paisaxe de Galicia e do carácter dos galegos (cunha mención moi interesante á creatividade literaria das mulleres) tampouco escatima críticas ao miserento dalgunhas hospedaxes, o que na altura podía considerarse xa un verdadeiro tópico literario. Ademais, —nun mecanismo moi característico dos libros de viaxes que converten en lei o estereotipo; en “exótico” o estraño e en comparación interesada a aproximación aos que son diferentes de nós— Fernán Caballero non desaproveita a ocasión para amosar a superioridade da cultura do sur de España fronte á galega. Nada que ver, en calquera caso, co manifesto desprezo co que Fernán Caballero tratou os galegos noutras pezas, como a carta décima da novela epistolar De una en otra, na que fai mofa duns xornaleiros galegos en Andalucía. Descoñecemos se Rosalía de Castro leu esta última peza, pero de ser así a dedicatoria de Cantares gallegos tería tamén un matiz irónico.

Paga realmente a pena ler Un tío en América non só para coñecer mellor o contexto intelectual que fixo nacer os Cantares gallegos, desde a súa dedicatoria. Tamén porque o capítulo constitúe unha das primeiras achegas á emigración americana, cuestión moi importante no proxecto poético e narrativo de Rosalía de Castro. Pero fronte á obsesión de Fernán Caballero en encarecer a beleza de Cádiz ou en ver na emigración un remedio para a miseria, a perspectiva de Rosalía de Castro é moito menos compracente. Será o fermoso artigo El cadiceño —unha crítica aos efectos culturais da emigración— unha resposta á concepción de Fernán Caballero sobre os procesos migratorios e sobre a natureza das relacións entre as culturas? Só podemos sabelo lendo con atención. Precisamente iso, ler con máis atención o que levamos lendo moito tempo, semella o mellor xeito de honrar os Cantares galegos.