Maria do Cebreiro Rábade Villar random header image
Divulgación
  • El País

    27 de maio de 2011
  • Sección “Centro e periferia”, Suplemento Luces
  • http://elpais.com/diario/2011/05/27/galicia/1306491507_850215.html
  • , , ,
  • «A biblioteca»

    a_biblioteca

    Vai para unha semana, na acampada do Obradoiro comezou a medrar unha biblioteca. Ningunha institución mercou os libros para poñelos ao dispor dos cidadáns. Non fixo falta a adquisición de ningún fondo bibliográfico. Non houbo orzamentos nin prebendas, nin compras por catálogo nin doazóns de incunables. A biblioteca foi feita entre todos e para todos. Está chea de xente e na súa curta vida acadou ben máis definición que a Biblioteca da Cidade da Cultura.

    Unha biblioteca nunca é a suma do que existe, senón o lugar que permite recompoñer a orde dos libros. Por iso houbo quen viu nas bibliotecas a imaxe máis exacta do universo. Pero para entender como funciona a do Obradoiro non cómpre mirar para o ceo, senón para o chan. Hai moitos séculos, un filósofo grego preguntou: en que momento exacto unha suma de grans se convirten nunha morea? Non podemos sabelo, pero os tres libros de onte xa son unha montaña.

    Igual que o vento cambia a posición das dunas, non é posible descifrar a posición exacta dos volumes, das follas voandeiras e dos panfletos que circulan pola acampada. Antes, durante e despois das asembleas, a praza produce unha intensa enerxía verbal. No centro, alguén pintou: “A historia comeza eiquí“. A revolución está máis lonxe da norma que do dialecto.

    Pasei polo Obradoiro a distintas horas e a biblioteca sempre estaba aberta. O bibliotecario nunca é o mesmo e o principio de arquivo só dicta que o fondo ten que quedar na praza. Os libros non saíron dos depósitos para viaxar aos cuartos: viñeron de cada unha das casas para axudar a construír un espazo común. Entre o inmenso baleiro da Cidade da Cultura, as demais bibliotecas e o noso salón, esta nova cidade abre un espazo cheo de sentido. Un espazo no que as persoas len, escoitan, falan e discuten de acordo coas súas propias regras. Os seus habitantes represéntannos aí onde non estamos. Resisten para que nós tamén resistamos. E se algún día a forza da lei baleira a praza e os libros se dispersan, iso non significará que non houbo cidade. A cidade é real porque a fixemos posible. É real a súa pequena biblioteca, feita de libros vellos para as mans novas, cos seus andeis de cartón pintado de colores. É real esta fábrica de ideas onde os libros compoñen as súas afinidades electivas e os seus antagonismos, onde Sábato e Gamoneda conversan con Rosalía e con Virginia Woolf, onde Emilio Araúxo volve darnos de balde os seus cadernos, onde A cidade das mulleres se traduce nun decálogo, onde o Libro vermello tropeza co Capital de Marx, onde o cuarto de seu se convirte na cidade de todos.

    Sempre que paso polo Obradoiro tento compoñer un rexistro mental da biblioteca. Pero do que está vivo é difícil facer un inventario. Estes son libros que ninguén lerá enteiros, libros dos que ninguén será examinado e que ninguén prescribirá. Cando vaia calor, os pasquíns poden volverse abanos, pasar por entre as mans como auga ou medicinas nun campamento de persoas libres. E se alguén se atrevese a asaltar a praza e fixese lume inimigo contra os libros, quero pensar que o vento torcería o seu rumbo e enchería de cinza o monte de Gaiás.

    Foi a memoria dos sabios o que salvou da queima os libros que arderon no incendio da Biblioteca de Alexandría. Hoxe non somos sabios, por iso precisaremos moita máis memoria. Para comezar a construíla, un profesor de filosofía deu unha clase no medio da praza, entre as tendas e os turistas. Á tardiña, cerca da biblioteca, outros estudantes preparaban os exames. Obedientes ao desexo expresado por Walter Benjamin, estes días o seu traballo consiste en “liberar o futuro das deformacións do presente” (A vida dos estudantes, 1916). Un longo tremor histórico atravesa os seus corpos, que aos poucos van compoñendo relacións secretas entre os séculos XIX e XXI. Os estudantes do Batallón Literario e os do Banquete de Conxo veñen confluír na praza cos das manifestacións antifranquistas. Fronte aos soportais, cremos recoñecer os que onte estaban na mobilizacións contra a LOU, nas do Prestige e nas da Guerra de Irak. Entre a desconfianza e as dúbidas, tentando situar a análise no lugar da nostalxia, aprendemos a ver que isto é algo novo. Un dos principais desafíos de calquera movemento é que nos obriga a comprender o novo.

    Onte á noitiña volvín pasar pola praza. Onde antes había tres ringleiras cumpridas só quedaba un letreiro coa palabra “Biblioteca”. Os mozos da comisión levaran os libros para protexelos da chuvia. Un rapaz dixo: “Se chove poñerémolos debaixo do toldo que hai ao fondo”. Aínda que mañá chova, a biblioteca queda en boas mans.