Maria do Cebreiro Rábade Villar random header image
Divulgación
  • El País

    24 de setembro de 2010
  • Sección “Centro e periferia”, Suplemento Luces
  • http://elpais.com/diario/2010/09/24/galicia/1285323516_850215.html
  • , , ,
  • «Deixar de viaxar»

    deixar_de_viaxar

    Non hai historia da literatura que non sexa unha historia das viaxes. Aínda que dende a escola nos afixeron a pensar as culturas nos termos da súa fundación, o certo é que resulta máis doado datar os seus desprazamentos. Comezamos a coñecer as tormentas de area do deserto por Heródoto, que non era nómade, e a cor do mar dos gregos por Homero, do que pouco sabemos e que se cadra nunca existiu.

    Ao longo do século XX, as empresas editoriais galegas souberon, mal que ben, alimentar o apetito voraz dos viaxeiros. O xénero da guía, cultivado por autores como Filgueira Valverde (Santiago de Compostela. Guía de sus monumentos e itinerarios) ou Laredo Verdejo (Guía de Galicia do A ó Z), foi levado ao seu esplendor barroco na prosa de Álvaro Cunqueiro. Editada en Madrid en 1929, coñeceu dúas edicións galegas na posguerra, a primeira na compostelana Galí e a segunda na viguesa Galaxia. O autor distribúe o contido da obra en catro epígrafes que -sen fotografías nin planos nin diagramas- se deteñen nos elementos xeográficos, históricos, artísticos e paisaxísticos de Galicia. A lentitude dunha prosa que comeza por recoñecer a cualidade granítica do chan galego ou que, máis adiante, describe a Manoel Antonio como un «nome cheo de promesas» fainos pensar que nos anos vinte viaxar debía de ser outra cousa.

    Quizais para tentar recuperar a morosidade das excursións antigas, e anticipándose á moda dos roteiros, A Nosa Terra iniciou hai anos a serie Viaxes literarias. Escritores como Xulio L. Válcarcel (Viaxe ao corazón de Galicia), Marilar Aleixandre (Terras de Compostela) ou Anxo Angueira (Terra de Iria) falaban de lugares que coñecían de primeira man. As súas descricións son por forza menos precisas que as do GPS poético concibido ao abeiro do proxecto de investigación Hermeia, dirixido pola profesora catalana Laura Borràs. Mais é obrigado recoñecer que a vella guía conta co aliciente de poder pasar as páxinas.

    Mesmo lidas sen nos mover da casa, estas Viaxes literarias axúdannos a seguir coñecendo aquilo que, por estar tan próximo, resulta case invisible. Pola mesma razón, e malia ser inicialmente concibida para o lector non galego, a Guía de Santiago de Compostela de Antón Lopo podía ser lida con tanto ou máis proveito dende aquí. No xénero da crónica, foi especialmente afortunado aquel Galicia, el bonsái atlántico que nos aprendeu que o exotismo non é una cualidade do obxecto, senón daquel que o mira (Non é casualidade que Rivas e Lopo sexan, cada un ao seu xeito, escritores cunqueirianos). Menos fortuna corren os autores que describen o estranxeiro como se fose un país, cultivando con certo éxito comercial un provincianismo cosmopolita moi do gusto posmoderno. Entre os poucos sobreviventes a este risco cóntase Miguel Anxo Murado e o seu Caderno do Xapón.

    Kant pensou os fundamentos do dereito internacional sen moverse de Könisberg. Hai quen di que o coñecemento profundo dunha folerpa equivale ao coñecemento profundo do Universo. E con todo non son frecuentes os eloxios á inmobilidade. Os escritores adoito prefiren referirse ao que descubriron viaxando que ao que calquera, sen saír da súa casa, podería chegar a descubrir. Tal vez por vaidade? Sexa como for, o perigo que corren é participar do disimulo cómplice cun réxime de produción dos lugares que teima en distinguir entre tipos de experiencias e, sobre todo, entre tipos de persoas. As fantasías narcisistas de control sobre o tempo propio e sobre o espazo dos outros, a devastación dos recursos naturais e culturais da periferia do planeta ou o afán insaciable do coleccionista compoñen só un fresco parcial dos vicios do turista, prototipo humano do que todos escapamos e co que todos, á fin, nos confundimos.

    Non fai falta agardar pola contemporánea crítica ao turismo para comprender que, dende a literatura romana de campaña ás peregrinacións relixiosas ou as crónicas de indias a literatura de viaxes nace estreitamente vinculada á dominación económica, cultural e política. Mais a ollada turística prexudica calquera tentativa de reflexión profunda sobre o lugar. Na pasada década, a mala conciencia occidental xerou a tentativa de distinguir entre os turistas e os viaxeiros. Turista era o que consumía souvenirs; viaxeiro era o que atopaba milagrosamente o xenio do lugar (naturalmente quen ergue a distinción sempre se sitúa da banda do viaxeiro). En cambio, calquera experiencia mínima ante un control de aduana -e moi especialmente se viaxamos a Israel ou aos Estados Unidos- nos aprende que o único que temos que dicir para que nos deixen en paz é: «Son turista». Hoxe en día os que non son turistas non son chamados viaxeiros, senón inmigrantes.

    En tempos nos que vemos ameazados principios como o libre desprazamento, fundador do dereito ilustrado, resulta estraño que a ninguén se lle ocorrese aínda deixar de viaxar. Sen dúbida esa sería a resposta máis razoable á obrigatoriedade de nos definir ante as aduanas, así como á violación sistemática dos dereitos dos que son segregados en razón da súa orixe. Unha insubordinación coma esta poñería en serio perigo unha das industrias culturais máis poderosas, e a principal factoría da produción dunha diferenza entre os que soñan que son libres e os que unicamente son libres cando soñan. Non é só que deixar de viaxar nos poida preparar para chegar a viaxar doutro xeito. Deixar de viaxar podería axudarnos a comprender mellor as vidas dos que viven onda nós. O que, en último termo, significa comprender mellor as nosas propias vidas.