EUROPA (CUARTO REICH)
Este é o tempo no que as mulleres
rezan para que os seus irmáns
suban á superficie, o tempo
no que á fin coñecemos
no seu rostro a pegada do carbón
(foi indigno mirar), o tempo no que
seguimos amando a cor do viño,
e cada noite seguimos desexando
regresar ao noso propio corpo
e o seu corpo está lonxe.
Este é o tempo no que cada un de nós
quedou ollando para as súas propias mans,
e quixo preguntar: para que serven?
(Para que serve a chuvia?)
Iso non o sabemos. Aínda
non foi aberta a noz do tempo.
Neste outono, no que só choverá
de cando en vez, pero con moita
forza, como dentro do alcol,
como no desamor do borracho de Embaixo
do volcán. (E se o libro puidese saír de ti,
como nos falaría?): Esas cousas importan,
como quero pensar que aínda hai algo dentro
dos últimos poemas, que seguimos aquí
porque a nosa conciencia é temporal
e porque estamos vivos e o traballo
das mans medra na nosa mente
para poder entrar no corazón do mundo.