Maria do Cebreiro Rábade Villar random header image

Os inocentes

 

O que nós sentimos está para alén das árbores.
Nin a música nos salva nin a terra nos condena.
Non hai estrela que o escoite nin fábula que o transmita.
Ningunha imaxe nos traduce.
Somos o coro sen a traxedia.
Somos a vida sen a morte. Non somos a morte.

Cando o sol sexa un círculo de lume.
Cando da nosa roupa non se desprendan fíos,
migas do noso prato, suor do noso esforzo.
Cando o universo comprenda que conseguiremos detelo
como unha detonación suspende o aire.
Cando a nosa sombra se extenda sobre a terra
igual que un tranvía de chuvia no deserto.

Pertencemos ao mundo como as dúas pezas que fan unha tesoura.
Pertencemos ao tempo como unha ovella á man que a corta até deixala espida.

Non somos a forza bruta nin as raíces.
Non somos nin a toupa nin o cóndor.
Somos o desamor, pero somos o sexo.
Somos a fame, pero somos o pan.
Non temos voz para que nola deades.
Non temos corpo para que o abracedes.
Ninguén rompeu os nosos soños porque nunca soñamos.
Ninguén pisou a nosa vida porque nunca tivemos chan.
Chamádeslle violencia á nosa paixón pola verdade.
Non hai ferida sen sangue, nin tempo sen historia.
Pero nós non batemos na porta do mundo para entrar.
Nós batemos na porta do mundo para que non durma.