Maria do Cebreiro Rábade Villar random header image

Odio á poesía?

Chegou a primavera, e con ela o Día Mundial da Poesía. Unha redactora da radio galega coa que conversei a semana pasada deu no cerne dunha cuestión na que levo matinado desde hai anos. Referíase a un mantra moi socorrido cando alguén quere desculpar unha opinión que a miúdo nin sequera se lle pediu: “É que non son lector de poesía”. Unha prevención que raras veces suscitan outros xéneros. E con todo, probablemente a poesía require menos instrución previa que calquera outra práctica artística. Cando menos se é certo, como sostiña Joan Brossa, que os verdadeiros poemas están fóra dos libros de poemas. E con isto o autor non se refería (ou non só) á vida escénica da lírica, en formas tan habituais hoxe en día como a lectura pública, a performance ou os videopoemas. Só chamaba a atención sobre o feito de que vivir poeticamente é un estilo á medida de calquera. Que nunha conversa, nunha discusión, nun pesadelo, nun paseo polo río ou en dous corpos enlazados podemos aprender todo o que hai que saber sobre a poesía.

cadernoLembrei tamén o polémico ensaio The Hatred of Poetry (2016), onde o crítico Ben Lerner tentaba localizar que facía da poesía un xénero tan refractario aos consensos sobre a súa utilidade social ou sobre a súa oportunidade no actual sistema de xéneros. Evoquei un argumento moi repetido hai anos, e afortunadamente hoxe en día menos en boga, que viña a soster que en Galicia faltaban novelistas e sobraban poetas. É unha verdadeira sorte que ninguén poida delinear a conciencia o diámetro dun campo literario, dispoñendo pavorosas simetrías entre autores, xéneros e estilos, aínda que é seguro que a moitos lles gustaría. Os provenzais “saben moi ben trovar”, os nórdicos cultivan con perspicacia o xénero negro, hai pouco expresionismo á altura dos escritores centroeuropeos e en Galicia, desde Abril Ares a Rosalía de Castro e desde Cunqueiro a Méndez Ferrín, non se nos dá demasiado mal isto de facer versos.

Nun mundo no que os cantantes sacan libros e poden levar ou ir recoller o premio Nobel e nun contexto editorial no que os selos que, ao abeiro da crise, comezaron dedicándose á microedición dan ao prelo auténticos best-sellers, non se pode falar dun verdadeiro odio á poesía. Que nolo digan a nós, que non podemos presumir de supervendas, mais desde hai anos gozamos dun escenario que fai posible que Ataque Escampe lea en chave poscolonial a Rosalía de Castro, que un insulto de Manuel Antonio (“pollitos bien”) sexa quen de darlle nome a un grupo de rock, que María Lado e Lucía Aldao poidan facer unha parodia de “Como una ola” tan subversiva con respecto á Lei de Normalización Lingüística como a versión que O Leo fixo do “Should I stay or should I go” dos Clash, ou que Os da Ría fagan revivir a tradición das cantigas de escarnho e maldizer coa naturalidade de quen non pretende estar reescribindo nada. Odio á poesía? Non o parece, ou cando menos non entre nós. Do único do que se trata, ao que parece, é de tentar non morrer de éxito.