xa o dixo maría flor, o meu nome é un ciclo de pan e non te amo: multiplícanse os peixes e os idiomas, constrúense os lugares sobre os nomes: os bárbaros do norte invaden o poema e os seus ollos traidores funcionan como múltiplo da subxectividade de maría [Texto da contracapa]
A memoria é o espazo da reapropiación.
Vivo para contalo. Gardo todas as fotos
para as que me pediron que sorrira.
Agora me decato de que endexamais prescindín
do trazo, da impiedade. Porque a caligrafía
consiste na ilusión de que non nos torcemos.
Nin os cadernos rubio darían ocultado
que o carbón mancha a pel e que a mina se crava
con frecuencia no páncreas do inimigo. Agás no teu.
Arrincáronche os ollos e iso faite inmortal.
(Entón ela abateuse prostrándose por terra e díxolle:
–Por qué atopei benquerencia aos teus ollos
para reparares en min, sendo como son unha estranxeira?)