Maria do Cebreiro Rábade Villar random header image
Publications
  • El País

    23 de febreiro de 2012
  • Sección “Centro e periferia”, Suplemento Luces
  • http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/02/23/galicia/1330028687_964075.html
  • , , , ,
  • «Literatura e política»

    Até hai poucos anos, a relación entre a literatura e a política parecía un debate case tan inactual como o das armas e as letras. Unha cuestión un chisco bizantina e intelectualmente pouco aceptable, agás cando se trataba de comprender a literatura do pasado.
    Ningún debate se fundamenta unicamente nas ideas, e a realidade axiña se encargou de lle devolver á política toda a súa actualidade. E ao mesmo tempo comprendemos que os máis interesados en lle restar pertinencia eran os máis permeables aos seus efectos.

    flaubert

    Ningún debate se fundamenta unicamente nas ideas, e a realidade axiña se encargou de lle devolver á política toda a súa actualidade. E ao mesmo tempo comprendemos que os máis interesados en lle restar pertinencia eran os máis permeables aos seus efectos.

    Se cadra pensaba niso Alberto Lema cando hai uns días afirmou no xornal Praza Pública: “O texto ‘político’ o único que fai é amosar a mentira do ‘discurso non politico’. Isto non lle outorga ningún tipo de superioridade, simplemente o que non vai é de casto”.

    Coido que Lema dá no cerne cando se refire ao problema da superioridade (ética, sobreenténdese). Ese é o risco máis grande ao que se enfrontaron sempre os escritores que quixeron levantar acta das cousas para despois impugnalas.

    Sartre e Camus, aos que aínda lles facemos discutir, cadraron nunha cuestión esencial. Cando menos lida dende o presente, a súa literatura máis efectiva non é a a narrativa, senón a dramática. Os xustos, Calígula ou As mans porcas mancan ben máis que A náusea ou O estranxeiro. Non son parábolas porque carecen dunha voz que exerza o papel de xuíz. Os personaxes limítanse a presentar, en por si, o nó enguedellado da existencia. Non tentan desfacelo. (Ningunha vida cabe nunha fábula).

    Corrían os anos setenta e o existencialismo parecía cousa doutro tempo. Se non fose porque o terror do Estado e as primeiras prácticas neoliberais volvían achegarlles argumentos inéditos aos escritores mozos. Para se defender ante o tribunal do bo gusto, Cortázar repetía aquilo de que “a primeira virtude do escritor comprometido é ser comprometido como escritor”. O Libro de Manuel volve a súa xustificación innecesaria.

    Estes días relemos a Celso Emilio para evitar a lóxica da efeméride. Queremos secuestralo das mans desoutra política que non é a que desexamos. O Partido desfaise, a economía abusa das metáforas e os políticos profesionais eluden o eufemismo: “As mellores universidades do mundo son as máis mercantilizadas”. A literatura aínda é un xeito de escapar de palabras coma estas.

    Nun artigo publicado na revista Critical Inquiry o filósofo Jacques Rancière preguntou: por que Flaubert matou a Madame Bovary? E responde que Madame Bovary era unha muller crédula, excesivamente confiada na verdade da ficción. Segundo Rancière, era unha mala lectora. Un perigo ambulante para a literatura.

    Dalgún xeito, Rancière considera que Flaubert era un escritor máis político que Sartre. A súa denegación da literatura pedagóxica, a súa ardente defensa dunha literatura que só debe responder ante si mesma, desatou territorios da experiencia que non serían posibles sen ese corte fondo.

    Qué barro mortal somos. Temos sentido da orientación e perdémonos. Capacidade de discernir e erramos. Capacidade de xulgar e condenamos. No difícil equilibrio entre a indeferenza e o falso heroísmo, atenta á precariedade do mundo, pero tamén á súa beleza, volve a literatura política. Aos que nos preguntamos cada día como escribila sen caer na autocompracencia axúdanos lembrar aquela sabia sentenza de Hermann Broch: “A única moral da novela é o coñecemento”.