Maria do Cebreiro Rábade Villar random header image
Publications
  • El País

    27 de abril de 2012
  • Sección “Centro e periferia”, Suplemento Luces
  • http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/04/26/galicia/1335467324_114797.html
  • , , , ,
  • «Dickens ou Dostoevski?»

    No ano 1968, Paul Celan escribiulle unha carta a Martin Heidegger. Dun xeito máis ben elíptico, pedíalle que se pronunciase pola súa relación co nacionalsocialismo. Heidegger respondeu o envío de Celan cunha evasiva e cun rogo: o poeta tiña que seguir prestándolle unha atención preferente ao problema da linguaxe. A contestación anoxou tanto a Celan que o nome de Heidegger desapareceu da súa escrita. Mais non é tan seguro que os seus poemas (a súa linguaxe, ao cabo) desen eliminado de vez a presenza de Heidegger.

     

    dostoievski

    O sentido da xustiza, e até o sentido común, sitúannos máis cerca de Celan que de Heidegger. Con todo, non deixan de resultar desacougantes os termos nos que o poeta decidiu interrogar o filósofo. Se o que procuraba era unha resposta clara, ¿por que non formulou unha pregunta clara? A anécdota, fermosamente contada por Ulisse Doga no seu libro Portbou ¿alemán? confirma algunhas ideas sobre a complexidade dos encontros entre escritores. Aínda que ás veces custe recoñecelo, as persoas que máis estimamos poden non ser as mellores depositarias dos nosos problemas.

    Debido a razóns coma estas, os relatos baseados no coñecemento dun escritor por parte de outro adoitan converterse na crónica dunha frustración. Entre as excepcións a esta regra, merece un lugar de honra a visita de Lou-Andreas Salomé e Rainer Maria Rilke á aldea rusa de Iasna Poliana, onde os dous viaxaron para coñecer a Tolstoi. Tal vez poderiamos concibir todos estes encontros como citas entre os escritores e a historia. En realidade non son encontros, senón interpelacións (a historia sempre supera en impertinencia ao máis incisivo dos poetas). Pero sería un erro pensar que o xuízo da historia equivale exactamente ao bo xuízo.

    O noso tempo, sen dúbida, adora a Dickens. O seu segundo centenario está a ser celebrado coas honras que se lle negaron non hai moito a Céline. E non son poucos os críticos que cren recoñecer na súa literatura un espello moral do presente. Para moitos autores, Dickens sería unha caste de defensor dos ideais socialdemócratas que a crise do capitalismo está facendo perigar. Esta concepción, sen dúbida, é anacrónica. O entendemento de Dickens como un escritor rebelde con respecto aos valores dominantes no século XIX sería recibida con inmenso escepticismo entre os seus contemporáneos (se cadra comezando por el mesmo). O que me interesa subliñar é xustamente a influencia do presente na percepción dos escritores do pasado, que no caso de Dickens —e en tantos outros— adopta a forma dunha distorsión.

    O problema da relación entre a literatura e a historia é que a miúdo o presente non escolle a literatura máis necesaria, senón a máis oportuna para representar (ou disimular) as súas miserias. O noso tempo cre precisar fábulas e respostas, saídas doadas a problemas que non son de doada solución.

    Que Dickens é un escritor apto para o sentido común da nosa época vémolo no feito de que a súa obra compareza a miúdo como exemplo nas teorías da xustiza. Expertos en dereito, xuíces e abogados cren atopar en Dickens solucións, máis ou menos verosímiles, para a práctica do fallo xudicial. No entanto, ninguén se imaxinaría a un xuíz recorrendo como fonte de inspiración a Dostoevski, pero o certo é que Crime e castigo reflicte con maior veracidade as dificultades da existencia humana que calquera relato dickensiano.

    Autores case estritamente coetáneos, Dickens e Dostoevski representan posicións antagónicas. O primeiro entende a literatura desde o patetismo e o drama. Para o segundo, a literatura é unha relación conflitiva entre o interior e o exterior. O moralismo de Dickens tórnase rigor intelectual e paixón ética en Dostoevski.

    Compréndese a esta luz que o primeiro filme de Kaurismäki estea baseado en Crime e castigo. Tamén que O mestre de San Petesburgo de Coetzee lles queira render tributo ás Noites brancas. En cambio, non é doado atopar a moitos artistas contemporáneos realmente influídos pola literatura dickensiana.

    Coa súa habitual finura de xuízo, Virginia Woolf rehabilitou a Jane Austen no canon da literatura inglesa. E fíxoo precisamente a costa de Charles Dickens. Para Woolf, Austen nunca esqueceu que a forma, na escrita, era un problema ineludible. Tampouco que, en xeral, a expresión franca dos sentimentos é o contrario do sentimentalismo.

    Como na vida, na literatura o bo xuízo non consiste unicamente en elixir. Pero se a historia universal non estivese rexida polo oportunismo, a falsa conciencia ou o azar, ao mellor este tempo non debería escoller como guieiro a Dickens, senón a Dostoevski.

    Clásicos en galego

    Charles Dickens e Fiodor Dostoevski contan con solventes traducións ao galego. Pero o primeiro volve levar a parte do león. Do 1986 é a edición de “Un conto de Nadal” feita por Alfonso Prada para a colección Xabarín de Xerais, que se reeditou no 2003. E ven de saír do prelo, en Kalandraka, “Un canto de Nadal”, verquida ao galego por Carlos Azevedo e con ilustracións de Roberto Innocenti. Pola súa banda, a colección de clásicos de Galaxia deu ao prelo a novela “Oliver Twist” no ano 2006, traducida por Moisés Rodríguez Barcia.

    Á mesma colección de clásicos da editorial Galaxia pertence a tradución de Dostoevski de “Crime e castigo”, levada a cabo con desacostumado rigor por Ekaterina Guerbek. Probablemente é máis dificultoso para as editoriais atopar bos tradutores do ruso que do inglés, mais tamén é verdade que, directa ou indirectamente, o galego sempre foi unha lingua xenerosa cos autores eslavos. É moi fermosa, por exemplo, a versión galega d’O primeiro amor (Xerais) de Iván Turguenev, levada a cabo no ano 1987 por Manuel Riveiro Loureiro.