Maria do Cebreiro Rábade Villar random header image

Case non se parecen a ninguén. Unha reseña de No seu despregar (Apiario Editora, 2016)

A miúdo me teño preguntado por que os discursos sobre a poesía nova son tan pouco novidosos. Coido que a resposta está na súa vinculación coa institución familiar, o que loxicamente os enche de ansiedade. Como se Deleuze nunca tivese pensado ou existido, os relatos que adoitan empregarse para explicar os cambios adoitan ser edípicos. E mesmo que fosen eléctricos (termo sen dúbida máis acaído para a poesía galega) o resultado sería semellante: pais e fillas, nais e fillos, pais e fillos, nais e fillas. Monotonía. Non fai falta insistir en que os relatos familiares invisibilizan máis do que visibilizan, aínda que semellen ser fotos de grupo, e por iso sempre será preferible o relato xeracional ao familiar, porque incorpora a perspectiva histórica: é dicir, non necesariamente incestuosa e case sempre agónica. Como o pasado nin sequera existe (afirmou Faulkner), os vellos adoitan cobrar a súa débeda na carne dos mozos, pero non é menos certo que a influencia non é a única lóxica que rexe as relacións literarias. Por iso non precisamos nova poesía galega, que xa a hai, senón novos discursos antiedípicos sobre ela, que entendan o que está a acontecer nos propios termos nos que acontece, sen abusos retóricos nin sobredeterminacións.

A “Nota das editoras” que abre No seu despregar, e na que entre outras cousas podemos atopar un iluminador texto de César Vallejo traducido por Daniel Salgado, deixa intuír, malia súa modestia, a tentativa de pensar seriamente o presente da poesía galega. Agradécese especialmente que Antía Otero e Dores Tembrás empreguen desde a primeira liña do limiar o termo “antoloxía”, afeitas como estamos ao magritteano “Isto non é unha escolma” que adoita malograr a autoconsciencia de moitos libros colectivos. Elas saben que ollar xa é unha escolla e nin podemos nin debemos escapar dese imperativo. No entanto, son menos xenerosas coa categoría de xeración, e coido que aquí se faría necesario algo máis de ousadía. En primeiro lugar porque, fronte á cronoloxía, o feito xeracional non é mecánico senón obediente ao dinamismo histórico; en segundo lugar, porque o problemático non é tratar de cartografiar o que está a acontecer poeticamente, nin procurar as etiquetas que lle fagan xustiza aos procesos de emerxencia cultural (os seres humanos precisamos mapas para tentar entender o que acontece), senón configurar as xeracións á medida do pasado. E o que elas fan, aínda que non o declaren, son os prolegómenos a unha estética futura: hai unha proba máis evidente que o feito de que non escollan textos xa publicados senón rigorosamente inéditos? Neste aceno é onde brilla plenamente a súa imaxinación antolóxica, e por iso mesmo estrañamos que non se deteñan máis na explicitación das súas regras do xogo, aínda que é certo que a súa reticencia convida aos lectores a ir reconstruíndo as probas. A segunda proba da súa tentativa de bosquexar unha xeración futura atopámola nos criterios ex contrario: no prólogo declaran que non tomarán como baliza para a exclusión dos poetas que teñan un primeiro libro publicado, parámetro de selección que até non hai moito tempo semellaba autoevidente. Poñen así de relevo que algunhas cousas están a mudar na circulación da poesía, e tamén deixan ver que o poder de consagración xa non vén dado exclusivamente pola cultura impresa. Quizais o exemplo máis elocuente sexa o predicamento da poeta Alba Cid entre os seus pares coetáneos e os máis mozos, en boa medida grazas ao seu uso meditado das redes sociais como plataformas de difusión poética, pero tamén o interese de Celia Parra ou Jesús Castro pola performatividade, o de Helena Salgueiro, Lara Dopazo, Afonso Traficante ou Tamara Andrés polos discursos interartísticos ou o de Celia Parra polas narrativas transmediais.

Con independencia da súa natureza antolóxica, o máis interesante de No seu despregar é que, sendo unha obra colectiva, funciona como libro de poemas ou, máis precisamente, como un libro de poemas bos. E iso a pesar de que a nómina de poetas bascula entre as voces máis consagradas, difundidas e/ou premiadas (Gonzalo Hermo, Ismael Ramos, Antón Blanco) ás máis emerxentes, entre as que, posta a predicar nas artes da ousadía, me atrevo a salientar as de Noelia Gómez, Olalla Tuñas e Paula Antía Rey Baliña. Nun intre refractario ao pensamento colectivo, onde a pouco que nos descoidemos se nos convida a cultivar a marca persoal, case todos fan gala da capacidade para atopar comezos impactantes para as súas biografías. Escolmo aquí estas tres: “María Vilas. Esperta como a outra en Herbogo (Rois) alá polo 1996”, “Nacín no 97 entre eucaliptos e cables de alta tensión. Pronto comecei a garabatear e a queixarme” (Afra Torrado); “Nacín en Escairón en novembro de 1987, nunha daquelas casas que hai onde acabou a vila e xa comezan as aldeas” (Alicia Fernández). Entre todas elas, soan de modo elexíaco as últimas palabras da biografía, en realidade autopoética, de Fran Cortegoso: “Así as follas do álamo brillan e só o que corre é unha brisa sen lugar, que devolves afogándote o preciso” (60). Aínda que só fose para ler estas poucas palabras o libro pagaría a pena.

As editoras, tamén e non por causalidade poetas, saben que os nomes non son rótulos, senón indicadores, de xeito que o éxito do título, No seu despregar, é directamente proporcional á oportunidade da súa concepción. Nunha entrevista ao teórico Jacques Lezra, a propósito da publicación de Materialismo salvaxe, Claudio Aguayo preguntáballe polo despregamento dunha democracia máis real que a existente e o entrevistado subliñaba a “felicidade do termo despregar, que nos fala do traballo case manual no que consiste o pensamento. Os conceptos están, ou existen, en tanto se fan efectivos neste ou naquel intre, a tal ou cal fin, en tanto son despregados por uns axentes históricos ou por outros, en tanto se despregan diante nosa (…). Sen un despregamento, que é ao mesmo tempo un pór-de-manifesto, un aparecer, e un facer efectivo, que se dá como consecuencia do acto intencional dun axente histórico, mais tamén como efecto estructural e como feito circunstancial, sen ese despregamento, o concepto non ten máis que un valor estático”. No seu despregar acerta porque non é un retrato de grupo senón unha danza e porque, ben mirado, estes vinte poetas (incluídas as antólogas) case non se parecen a ninguén.